Votacións menú fin de curso da Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames
Os nenos e nenas dos comedores dos colexios e escolas unitarias de Ames participaron na elección dos pratos que conformarán o menú do día 20 de xuño de 2024, da Rede Municipal de Comedores Escolares, para despedir o ano académico.
As eleccións desenvolvéronse durante o horario de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta, na EEI do Milladoiro e nas escolas unitarias de Covas e Tarroeira. Contabilizáronse 1261 votos gañando, un ano máis, a opción de hamburguesa con patacas fritas (445 votos) e xeado artesán de vainilla (580 votos).
Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato hai seis posibilidades: albóndegas con arroz e salsa de tomate, pizza de xamón e queixo, churrasco con patacas fritas, hamburguesa con patacas fritas, peituga rebozada (nugets) con pasta tricolor e salmón ao forno con arroz.
A listaxe de opcións de sobremesa contén cinco opcións que son: iogur artesán con melocotón, xeado artesán de vainilla, xeado polo, flan con nata e amorodos con nata.
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola técnica en dietética da Rede Municipal de Comedores Escolares.
Un dos obxectivos que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.
Para realizar estas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.
No apartado "Documentación" pódese ver algunhas fotos da xornada de votación.