Aberto o proceso de matrícula dos servizos complementarios: Rede de Comedores, Bos días Cole, Tardes Divertidas
O prazo de MATRÍCULA estará aberto do 21 de Xuño ao 8 de Xullo de 2021 para os usuarios coas solicitudes admitidas nas listaxes de preinscrición.
O Concello de Ames abre o proceso de matrícula dos servizos complementarios: Rede de Comedores, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, para o curso 2021-2022.
- Deberán MATRICULARSE os nenos e as nenas de novo ingreso nestes servizos, que xa cursaran a solicitude de preinscrición no prazo fixado para este fin e que consten como admitidos/as na listaxe correspondente.
- Os/as usuarios/as dos servizos complementarios durante o curso 2020-2021, que fixeran a RENOVACIÓN DE PRAZA para o curso 2021-2022 no prazo fixado para este fin, non deberán matricularse, pero si deberán comprobar que figuran nas listaxes de renovados de cada servizo sen ningunha incidencia ou erro que deba ser emendado.
Para realizar o trámite consulta nesta mesma páxina web o apartado "Pasos para facer a inscripción, renovación e matrícula" ou descarga o documento adxunto Información Trámite Matrícula.
Os servizos complementarios educativos do Concello de Ames son proxectos municipais que teñen dous obxectivos principais:
- axudar á cidadanía a conciliar a vida laboral e familiar e
- contribuír á educación en valores dos/as menores (hábitos saudables, tolerancia, convivencia...).
A atención dos nenos e nenas e a posta en marcha das actividades lévase a cabo mediante as empresas adxudicatarias da monitoraxe dos respectivos servizos.
Estes servizos ofértanse nas instalacións dos cinco centros de educación infantil e primaria públicos de Ames:
- CEIP Agro do Muíño,
- CEIP A Maía,
- CEIP de Barouta,
- CEP de Ventín,
- EEI do Milladoiro,
- ademais os servizos de Bos Días e Comedor Escolar tamén se ofertan na EEI A Igrexa e EEI de Covas.
Bos días Cole
O servizo Bos Días Cole, dirixido aos máis madrugadores, está pensado para a atención dos nenos e nenas antes do inicio da xornada lectiva, a partir das 7:30 horas ata a hora de entrada nas aulas.
O/a usuario/a poderá escoller entre as dúas modalidades do servizo: "con almorzo" ou "sen almorzo".
Rede Municipal de Comedores Escolares
A Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames é un proxecto no que o Concello asumiu, ademais da xestión, a elaboración da comida con persoal municipal, deste xeito garántese a calidade e o equilibrio nutricional dos menús e pódense integrar a todos os nenos e nenas con necesidades específicas en condicións de seguridade.
Tardes Divertidas
Trátase dunha oferta educativa e de ocio para permitir que os pais e nais concilien a súa vida laboral durante a tarde, unha vez rematado o servizo de comedor e ata as 21:00h.
Estes usuarios poden escoller entre as modalidades: "con merenda" ou "sen merenda".