SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DE ACTIVIDADES LEVADAS A CABO NO EXERCICIO 2024 POR ANPAS DOS CENTROS EDUCATIVOS DO CONCELLO DE AMES
Dende o venres 10 de maio e ata o luns 10 de xuño permanecerá aberto o prazo de presentación para a solicitude de axudas para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2024. Para este fin destínanse un total de 20.000 euros.
Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas, mobiliario, material didáctico, e actividades que fomenten a conciliación da vida laboral e familiar durante as xornadas lectivas. Os gastos obxecto de subvención deberon efectuarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024.
Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas son enriquecer a formación da poboación escolar en Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos; promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico; e propiciar a mellora do rendemento por parte do alumnado.
Contía individual das achegas
O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar o 80% do proxecto subvencionable nin o límite máximo establecido segundo a categoría que corresponda ao centro ao que pertenza a ANPA.
O importe máximo da subvención estará determinado polo número de alumnos/as do centro educativo: as axudas a ANPAS dos centros públicos de máis de 500 alumnos/as non poderán superar os 3.000 euros; as dos centros de entre 150 e 500 alumnos/as non superarán os 2.000 euros; mentres que aquelas que recaian en centros de menos de 150 alumnos/as non poderán superar os 750 euros.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames, mediante os modelos normalizados que se inclúen como anexos á convocatoria. Igualmente poderán presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se poderá acceder dende o enlace dispoñible na Sede electrónica do Concello de Ames.